luns, 24 de xuño de 2013

ROTUNDO ÉXITO DA NOITE MEIGA EN CANIDO

No día máis longo e a noite máis curta do ano, o Barrio de Canido celebrou de forma especial a súa Noite Meiga, onde as sardiñas (malia o seu custo), a queimada e o lume foron os verdadeiros protagonistas.
Centos de persoas saíron á rúa para gozar da música da Agrupación Artística Ferrolana Bohemios, que encheron o local da Asociacion Recreativa e Deportiva de Canido, mentres os bares do barrio preparaban as súas grelladas para asar as sardiñas á beira das súas respectivas terrazas cheas de xente que se reuniron con amigos e familiares á espera da degustación gratuita de sardiñas.
Ás 23,00 h. a Asociación de Veciños de Canido prendeu lume ás fogueiras ante un expectante e multitudinario público que esperaba degustar unha sabrosa e ben elaborada Queimada.

Máis de duascentas persoas achegáronse a tomar o seu caciño de barro de queimada acompañada dun anaco de tarta e bizcocho.
Ritos e tradicións, crenzas e supersticions mesturáronse en Canido durante esta Noite Meiga e máxica na que se comunican o mundo do máis aló co do máis acó, aproveitando este momento para espantar os malos espíritos.
Avelino Castro encargado do conxuro dá sabrosa Queimada, fixo que a moitos se lles abrise de par en par as invisibles portas do outro lado do espello, permitíndolles o acceso a grutas, castelos e palacios encantados, liberándose de prisións e ataduras.
Seres femininos misteriosos saen a dar un vespertino paseo á luz da lúa tentando a algún que outro incauto codicioso a que lles bote a luva; mozas que soñan co galán que as despose.
En definitiva, a noite e o amencer, estiveron dedicado a San Xuan a Noite Meiga. Esperamos que dentro dun ano volvámonos ver nesta noite dos milagres e dos encantos, para volver acceder ao Mundo Máxico aínda que non creamos nos contos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario